Monday 16 de September de 2024

Muíños propón que “se aproveite que agora se permiten as reorganizacións” do servizo de buses e se melloren as conexións con Roxos, Pardiñas e Angrois


O portavoz socialista celebra o “cambio de criterio, aínda que sorprendente” por parte da xerencia de Tussa e agarda coñecer os informes que abalan a decisión “porque no 2020, cando quixemos facer ese cambio, os informes dicían outra cousa”

Desde o Grupo Socialista reciben con agrado a noticia do desdobramento da liña ao aeroporto aínda que se amosan “sorprendidos” polo cambio de criterio por parte da xerencia de Tussa, toda vez que antes non se permitían os cambios substanciais no servizo “como a ampliación de liñas”.

Neste sentido, Gonzalo Muíños, explica que no 2020 intentouse facer unha modificación en esa mesma liña, pero o xerente da sociedade municipal que xestiona o transporte urbano, alegaba que “non habilita outra marxe de actuación que requirirlle -á empresa concesionaria- a prestación -do servizo- en termos asimilables aos acordados contractualmente”. “Agora, de repente, trátase só dunha reorganización” insiste o edil socialista que non oculta o seu interese en coñecer os informes que motivan esta decisión “verémolo cando leven esta cuestión á Xunta de Goberno”.

“Xa que agora son posibles as reorganizacións, cremos que hai outras liñas que habería que reorganizar” afirma Muíños quen, aínda celebrando o desdobramento da liña 6, lembra que este cambio beneficia en maior medida ao turismo.

Así propón que se “reorganicen” tamén a liña de Villestro ao seu paso por Roxos, que se amplíe a liña 7 ata o campo da festa de Angrois e se reformule a liña que pasa por Laraño para que o autobús chegue ao propio núcleo de Pardiñas: “con isto, quen se beneficia son as veciñas e veciños de Compostela”.

Muíños, á espera de coñecer en detalle como se vai facer efectiva a medida anunciada e o propio informe da xerencia de Tussa “no que se xustifique a viabilidade da medida”; reclama dar pasos na mellora do servizo que “agora semella que si abalan os informes técnicos” mentres non haxa avances na nova licitación.